Novas de Cooperación Galega
14/03/2007
Xeral

O GOBERNO GALEGO DESTINARÁ NOS PRÓXIMOS DOUS ANOS PRETO DE CATRO MILLÓNS DE EUROS A PROXECTOS DE ONGD DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO NO EXTERIOR

O Executivo galego destinará nos próximos dous anos un total de 3.720.000 euros a subvencionar proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior promovidos por organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD). Da cantidade total, 2.232.000 euros, corresponderán ao ano 2007 e para 2008 está previsto destinar o 1.448.000 restante.

O obxectivo deste paquete de subvencións, aprobado esta mañá polo Consello da Xunta, é regular a concesión de subvencións a través dun procedemento deconcorrencia competitiva ás ONGD para axudar á execución dos seus proxectos no exterior. Quedan excluídos destas axudas os programas que teñan como obxecto a axuda humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Os solicitantes deberán estar inscritos no Rexistro Galego de Axentes de cooperación para o Desenvolvemento; carecer de ánimo de lucro e ter domicilio social ou delegación permanente na comunidade galega. Estas organizacións poderán presentar un máximo de dous proxectos, que poderán ser tres nos supostos de que algún se presente en agrupación con outras entidades.

Entre os requisitos dos proxectos que poderán optar ás axudas, hai que salientar a imposibilidade de que o proxecto se iniciase antes da data de presentación dasolicitude; identificar os socios locais que participen no programa e que as accións non teñan como obxectivo único o financiamento de servizos públicos de saúde, a educación regulada, a investigación oficial e os seminarios e viaxes de estudos. O proxecto debe redundar na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias e ter repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas das persoas máis desfavorecidas nas zonas onde se desenvolvan as actuacións.

As organizacións interesadas deben presentar a súa solicitude no prazo dun mesdesde a publicación da convocatoria no DOG e a Administración contará con tresmeses para resolver e notificar as resolucións.Parámetros para as concesións

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto, sen superar en ningún caso os 160.000 euros. Nos proxectos de varias entidades, a subvención poderá chegar ata os 350.000 euros.

Segundo recolle a orde, serán susceptibles de subvención os custos directos e osindirectos do proxecto. Entre os directos inclúense os derivados da identificación do terreo, así como a compra ou alugamento de inmobles; a súa construción e reforma, compra de equipos, materiais e subministracións; gastos de persoal; servizos técnicos e profesionais; pagamento de electricidade, auga, comunicacións, mantemento ou seguranza, entre outros aspectos. Como custos indirectos recóllense aqueles impropios do funcionamento regular da entidade solicitante, pero que resultan da execución do programa como pode ser a difusión do programa en Galicia.

Os criterios de valoración estarán ordenados segundo as prioridades xeográficas e sectoriais. As xeográficas fan referencia a que sexan accións desenvolvidas nun dos 17 países considerados prioritarios: Honduras, El Salvador, Nicaragua e Guatemala, República Dominicana, Haití, Cuba, Perú, Ecuador, Bolivia, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal e os campamentos saharauís.

Como prioridades sectoriais destácanse aquelas que fagan referencia á cobertura de necesidades sociais básicas; infraestrutura e promoción do tecido económico, en especial o de comercio xusto; participación social; investimento no ser humano e protección e mellora do ambiente. Tamén terán prioridade aqueles con maior número de beneficiarios e os que atendan a infancia e a muller.