O PARLAMENTO DE GALICIA APROBA O V PLAN DIRECTOR DA COOPERACIÓN GALEGA QUE MARCARÁ A ESTRATEXIA DO GOBERNO GALEGO NESTE ÁMBITO NOS PRÓXIMOS 4 ANOS
O Parlamento de Galicia aproba o V Plan director da cooperación galega que marcará a estratexia do goberno galego neste ámbito nos próximos 4 anos
- O proxecto do V Plan Director fora aprobado por unanimidade polos axentes de cooperación representados no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode) na súa reunión de 14 de febreiro, e polo Consello da Xunta de Galicia o 2 de marzo.
- O novo plan Inclúe como prioridades avanzar nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 como a erradicación da pobreza, a promoción dos dereitos humanos, a igualdade de xénero e a loita contra o cambio climático
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe o V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026 que establecerá a planificación estratéxica do Goberno galego en materia de cooperación para o desenvolvemento nos próximos catro anos.
O proxecto de V Plan director da Cooperación Galega foi presentado no Parlamento de Galicia polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, o pasado 4 de maio, sendo aprazada ata o día de hoxe a súa votación.
O devandito plan obtivo e informe favorable do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode) na súa reunión do pasado 14 de febreiro, sendo apoiado unanimemente por todos os axentes galegos de cooperación representados nese órgano. Posteriormente, o 2 de marzo foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.
O novo plan director contempla o avance nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) co fin de erradicar a pobreza, reducir as desigualdades, promover os dereitos humanos e as liberdades fundamentais ou loitar contra o cambio climático. Así, o novo plan aliña o seu marco estratéxico coa Axenda 2030 e os seus ODS.
No seu primeiro ano de vixencia o plan está dotado cun orzamento de 8,9M€, o que supón un incremento de case o 14% respecto ao ano anterior.
O novo plan director establece a unha concentración das axudas nos 11 países prioritarios: Bolivia, Ecuador e Perú (en América do Sur); República Dominicana (no Caribe); Guatemala, O Salvador, Honduras e Nicaragua (en Centroamérica); e Mozambique, Cabo Verde e Guinea Bissau (en África). Darase tamén unha clara aposta polos países lusófonos e pola poboación saharauí e palestina. Como novidade incorpórase un tratamento especial dirixido aos países menos adiantados (PMA) ou con Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) baixo en África, así como a atención aos colectivos máis vulnerables.
Con este plan preténdese reforzar a identidade singular, as vantaxes comparativas e o valor engadido da cooperación galega no contexto da cooperación española e con respecto aos principios de coordinación e complementariedade coa Administración Xeral do Estado.