Novas de Cooperación Galega
15/01/2019
Xeral

O Plan Anual da Cooperación Galega para 2019 contará cun orzamento de 5,6 millóns de euros, un 11,61% máis que en 2018

  • O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode) aprobou hoxe sen votos en contra este documento
  • Na reunión tamén se fixo balance do Plan Anual de 2018, que foi executado na súa totalidade e sumou un total de 93 intervencións

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu esta mañá en Santiago de Compostela a xuntanza do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), onde foi aprobado sen votos en contra o Plan Anual 2019 da Cooperación Galega. A planificación deste ano conta cun orzamento de 5,6 millóns de euros, un 11,61% máis que en 2018.

O Congacode é órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación (as Universidades, o Fondo Galego, a Fegamp, os sindicatos, a CEG e outras entidades do eido social).

O principal punto da orde do día da reunión foi a presentación do Plan Anual 2019 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento. Nel recóllense as actuacións previstas para o ano 2019 e un incremento do orzamento, con respecto ao exercicio pasado, de 583.551 euros. Deste xeito, dáse cumprimento ao compromiso establecido no IV Plan Director de “garantir un crecemento anual deste programa igual ou superior ao 11,4%”.

O Plan aposta novamente pola utilización principal do instrumento das convocatorias públicas de concorrencia competitiva. Así, publicaranse as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega como son as de proxectos no exterior, educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, proxectos de acción humanitaria, proxectos de investigación para o desenvolvemento das universidades galegas e as bolsas de formación.

Así mesmo, asinaranse, entre outros, convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o Fondo Galego, a SOGAPS e a AECID e continuarase co financiamento daqueles proxectos xa aprobados no ano 2018 e que teñen compromisos no ano 2019. Do mesmo xeito, seguirase a promover a cooperación técnica en materia de pesca e acuicultura e de xestión de recursos hídricos, como se vén realizando en colaboración coa Fundación CETMAR e Augas de Galicia, apostando por unha orientación estratéxica da Cooperación Galega.

Este Plan Anual, enmarcado no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, afonda no logro dos resultados de xestión recollidos no dito Plan Director cara á mellora da eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, á maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións e á orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade.

 

Plan Anual de 2018

Por outra banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE deu conta dos resultados da execución do Plan Anual 2018, que foi executado na súa totalidade, o que dá mostra un ano máis de que a solvencia é un dos sinais de identidade da Cooperación Galega, financiándose 93 proxectos.

Jesús Gamallo informou finalmente sobre a primeira reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 que, baixo o impulso da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vaise conformar como o órgano no que estarán representados os distintos departamentos da Xunta de Galicia, e que terá por finalidade abordar a implementación dos ODS en Galicia a nivel gobernamental e garantir a coordinación das actuacións administrativas e de goberno da cara á súa consecución.