Novas de Cooperación Galega
14/03/2007
Xeral

O PLAN ANUAL DE COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO 2007 ESTABLECE UN INCREMENTO DO 40% NA PARTIDA ORZAMENTARIA

O Consello da Xunta deu esta mañá o visto e prace á proposta do Plan anual de cooperación para  o desenvolvemento 2007, elaborado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior. O programa, que forma parte do I Plan director 2006-2009, inclúe un incremento orzamentario do 40% respecto ao exercicio anterior. Esta subida supón que practicamente o 0,1 do orzamento do Goberno galego se dedicará á cooperación internacional.  Xunto a este aumento hai que destacar a suba que dedican outros departamentos autonómicos a axudas oficiais ao desenvolvemento.

Do orzamento total, que é de 9,3 millóns de euros, un 67,7% destinarase a convocatorias públicas de axudas dirixidas a proxectos de cooperación no exterior; un 21,8% achegarase ao cofinanciamento de proxectos de cooperación, formación e sensibilización; un 7,5% irá dirixido ao financiamento de proxectos conxuntos  coa  AECI a través do Plan Operativo  Xunta-AECI  2007-2008 e un 3,3% será  para actividades de difusión da cooperación galega: páxina web, campaña de comunicación e publicacións, entre outras accións.

O documento aprobado hoxe foi consensuado e aprobado polos tres órganos galegos establecidos na Lei galega de cooperación: a Comisión Interdepartamental de Cooperación ao Desenvolvemento Cincode), a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (Cintercode) e o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode).

O plan recolle para o presente ano o mantemento das iniciativas postas en marcha o pasado ano, xa que se trata de obxectivos para lograr a longo prazo. Entre estas metas, é preciso subliñar a sensibilización e educación para o desenvolvemento, o fortalecemento do sistema de cooperación galega e tamén o apoio ao comercio xusto, todos eles considerados eidos de especial atención. De feito, no obxectivo de apoio ao comercio xusto, durante o primeiro semestre do ano, disporase dun informe sobre a súa situación e as súas perspectivas de crecemento en Galicia. Este estudo permitirá establecer mecanismos que melloren a introdución do comercio xusto na nosa sociedade.

Eixes fundamentais neste exercicio

No 2007 priorizaranse catro dos sete obxectivos do I Plan director: a mellora da calidade técnica e operativa do sector; ampliación e ordenación dos instrumentos da cooperación galega; implicación e procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia de valor para a cooperación e a elaboración de estratexias para as prioridades da cooperación galega.

Para acadar o primeiro obxectivo, desenvolverase un plan anual de avaliacións externas de axuda; potenciaranse cursos e formación integral para mellorar a capacidade operativa e técnica dos actores da cooperación galega e incrementaranse as bolsas de formación nas oficinas técnicas da AECI (Axencia Española de Cooperación Internacional) e en organismos internacionais de cooperación. Ademais está prevista a creación da rede de funcionarios cooperantes galegos.

Co obxectivo de acadar a ampliación e ordenación de instrumentos da cooperación galega,  implificaranse os procedementos burocráticos na xustificación de proxectos, fomentarase a normalización de procedementos e formularios de solicitudes de subvencións e modificarase o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación.

Para implicar aos sectores galegos que conten con experiencias de valor para a cooperación, avógase pola cooperación directa como ferramenta indispensable. Todo, en consonancia, co establecido no Plan director, no cal se amosa esta fórmula como a máis útil para a transferencia de tecnoloxía e coñecemento. Por iso se formará o persoal e se expatriarán profesionais cualificados en temas concretos. Así mesmo, estudárase a viabilidade e os mecanismos para a creación da Axencia Galega de Cooperación.

Entre os sectores galegos que poden achegar máis valor na transferencia de coñecementos destacan a xestión da saúde, da educación e a xestión integral dos recursos naturais e o ambiente.

Por último, establécese tamén como prioritario destinar un máximo do 70% dos recursos da cooperación aos 17 países considerados prioritarios e a elaboración para cada un deles dun documento de estratexia de intervención. Tal e como quedou recollido no Plan director estes estados son: Perú, Bolivia, Ecuador, en América do Sur; Guatemala, Nicaragua, Honduras e El Salvador, en Centroamérica; Cuba, República Dominicana e Haití, no Caribe e Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal, en África.