Novas de Cooperación Galega
07/05/2008
Xeral

O PRESIDENTE DA XUNTA COMPROMETE 200.000 EUROS DE AXUDA AOS DAMNIFICADOS POLO CICLÓN NARGIS

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou esta mañá, tras a reunión do Consello de Goberno da Xunta, a intención do Goberno galego de destinar 200.000 euros para intervir na fase post-emerxencia en Myanmar (antiga Birmania), “ante a gravidade e o alcance da devastación” do paso do Ciclón Nargis. Pérez Touriño puxo de relevo os cuantiosos danos rexistrados na zona ao tempo que amosou o compromiso do Goberno que preside coa poboación damnificada. Esta axuda será xestionada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior a través de Cruz Vermella, na fase de reconstrución das zonas costeiras máis afectadas pola catástrofe, unha vez solucionados os problemas de acceso ao país.

Ademais desta importante achega económica, a Xunta, a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, procederá a enviar un kit de asistencia sanitaria IEHK 2006 para atender á poboación damnificada. O presidente da Fundación e secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio César Fernández Mato, deu a orde de liberar ese kit que o Goberno galego tiña en stock ante posibles catástrofes humanitarias. Deste xeito, Galicia será a única autonomía española que aporte medicamentos para tratar de paliar as consecuencias do Nargis, que se unirán aos que envíe a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI).

O kit IEHK2006 está preparado para atender a 10.000 persoas durante tres meses. Trátase dun botiquín completo, cun peso de 820 quilos distribuídos en 27 paquetes, 10 dos cales son kits básicos e o resto material desbotable, solucións parenterais e equipamento médico. Os medicamentos e produtos incluídos no IEHK 2006 foron seleccionados tendo en conta as necesidades detectadas previamente noutras situacións de emerxencia.

O material preparado pola Axencia Humanitaria de Galicia, xunto co resto do continxente español, está previsto que saia nun avión de axuda de emerxencia que partirá cara Bangkok a última hora de hoxe dende a base aérea de Torrejón de Ardoz (Madrid) a bordo dun avión civil de carga. Dende a capital tailandesa trasladarase a Myanmar.

CatástrofeNargis é o ciclón máis devastador en Asia dende 1991 e fontes de Save the Children comparan os seus efectos aos da tsunami de 2004. Con ventos de máis 190 quilómetros por hora e ondas de 3,5 metros, esta fin de semana o ciclón Nargis, en primeiras estimacións, deixou máis de 27.000 persoas mortas (o 40% nenas e nenos) e 41.000 desaparecidas, aínda que as cifras que hoxe se manexan roldan xa as 100.000 vítimas. O número de poboación desprazada pode chegar a un millón e as inundacións favorecen o espallamento de enfermidades coma o dengue, o cólera e a malaria.

Segundo datos da FAO, as zonas máis afectadas abranguen o 65% da produción de arroz, o 80% da acuicultura, o 50% da explotación avícola e o 40% da porcina totais da antiga Birmania, co que se espera escaseza alimentaria en todo o país nos próximos dous anos. Onte pola tarde producíronse os primeiros asaltos aos establecementos de alimentación por parte dos superviventes aguilloados pola fame.

O Goberno de Myanmar declarou zona catastrófica cinco rexións: Yangon, Ayeyarwwady, Bago, Mon e Kayin, cuxa poboación total ascende a 24 millóns de persoas e cuxa extensión é duns 30.000 quilómetros cadrados, entre a costa do Mar de Andaman e do Golfo de Martaban. Destacan polos danos sufridos a antiga capital Rangún, a desembocadura e delta do río Irrawaddy e a costa da baía de Bengala.

Só en Ayeyarwwady hai máis de 3.000 persoas desaparecidas. Nas vilas do delta do río Irrawaddy, o 70% da poboación estímase morta ou desaparecida e o 95% das vivendas foron completamente destruídas. Máis de dous millóns de persoas carecen de acceso á auga potable e 1/6 da rexión afectada (5.000 quilómetros cadrados) permanece baixo auga salgada.

Axuda españolaA axuda galega enmárcase nun plan de emerxencia deseñado a nivel estatal pola AECI. De xeito inmediato despois de que se desencadease a traxedia, a AECI convocou un gabinete de crise no que participaron representantes das comunidades autónomas, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Ministerio de Sanidade e Consumo e as oenegués. Nesa reunión decidiuse, como medida inicial, contribuír con 500.000 euros ao Programa Mundial de Alimentos para paliar posibles casos de desabastecemento. Así mesmo, a AECI contribuirá con material de acubillo, sanitario, hixiénico e auga e saneamento.

A Axencia Española de Cooperación Internacional mantense permanentemente informada das necesidades sobre o terreo grazas á información facilitada pola embaixada española en Bangkok, a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU, o Programa Mundial de Alimentos e o Departamento de Axuda Humanitaria da Comisión Europea.