Novas de Cooperación Galega
12/02/2014
Xeral

O vicepresidente Alfonso Rueda recibe a unha delegación da ONGD Fe y Alegría de Nicaragua

O vicepresidente, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo esta tarde un encontro con responsables da ONGD “Fe y Alegría” de Nicaragua, que estes días se atopan de visita en Galicia.
O encontro serviu para coñecer de primeira man a situación da educación en Nicaragua, así como as melloras que se están producindo debido, en parte, ao investimento realizado pola Xunta de Galicia e que se formaliza a través de proxectos de cooperación neste país.
“Fe y Alegría” é a contraparte en Nicaragua da ONGD “Entreculturas”, que está a impulsar unha rede global que vincule á Rede Solidaria da Mocidade con outros proxectos de participación xuvenil en Latinoamérica. En Galicia esta rede creouse en 2004 como un espazo común de formación, reflexión e encontro entre mozos e profesores co fin de promover a participación activa e a solidariedade.
Desde a súa creación, a Xunta vén apoiando a rede e o traballo de “Entreculturas” en Galicia con preto de 125.000 euros para o desenvolvemento de proxectos de educación, con máis de 500 accións solidarias nas que participaron 40 centros educativos, máis de 2.500 estudantes e 50 profesores e profesoras. Cómpre salientar que na última convocatoria de 2013, o Goberno galego destinou 30.000 euros a un proxecto de cidadanía global e cambio social por parte da mocidade.
Así mesmo, as mozas da ONGD que estes días visitan Galicia proveñen de centros educativos nicaraguanos nos que a Xunta investiu case 900.000 euros desde 2007 a través de convocatorias de proxectos e de programas de cooperación para o desenvolvemento. Estes proxectos permitiron mellorar a educación de 3.000 estudantes, dirixida sobre todo á adquisición de habilidades profesionais para a súa inserción no mercado laboral.