Novas de Cooperación Galega
24/10/2017
Xeral

O vicepresidente da Xunta de Galicia reuniuse con representantes da Coordinadora Galega de ONGD

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse no día de onte co presidente da Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONGD e representante de Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), Alejandro Quiñoá, a secretaria da Xunta Directiva da CGONGD e representante de Solidariedade Internacional de Galicia, María Paz e o representante da ONGD Enxeñería sen Fronteiras, Sergio Fernández.

Nesta reunión o vicepresidente da Xunta avanzou que nos orzamentos autonómicos para 2018 a partida destinada á Cooperación Galega incrementarase ata un 11 por cento, chegando aos 5 millóns de euros, fronte ao incremento do 7 por cento do ano 2017.

Doutro lado, na reunión tamén se abordou o proceso de elaboración do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021 que está actualmente en marcha, analizando as demandas dos representantes da Coordinadora Galega de ONGD en relación ao dito plan.