Novas de Cooperación Galega
29/11/2019
Xeral

O vicepresidente da Xunta mantivo unha reunión coa Coordinadora Galega de ONGD

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu onte a representantes da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento.
  • O Goberno galego cumpre co compromiso acadado coas ONGD de garantir un incremento anual neste programa igual ou superior ao 11,4%.

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, abordou onte con representantes da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento o Plan anual 2020 da Cooperación Galega, que se aprobou por unanimidade esta semana durante o pleno do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode). Á reunión tamén asistiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. Este Plan Anual conta cun orzamento de 6,6 millóns de euros para 2020, o que supón un incremento nun millón de euros e, por tanto, dun 18,47% respecto á dotación deste exercicio.

O Goberno galego cumpre así co compromiso acadado coa Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento de garantir un crecemento igual ou superior ao 11,4% neste programa incluído no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.

Entre as actuacións incluídas no Plan da Cooperación Galega para 2020 destacan as tradicionais convocatorias públicas de subvencións a proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación, de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, ou de acción humanitaria.

A Xunta tamén renovará un ano máis, no marco deste programa, a súa colaboración coa Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento, cun convenio que conta cunha dotación de 100.000 euros, o que supón un 11,11% máis ca este exercicio. A través deste acordo, a Coordinadora poderá levar a cabo actividades de formación, sensibilización e fortalecemento do sector.

Por outra parte, tanto o Congacode como o Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX), deron esta semana o seu visto bo por unanimidade ao anteproxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que ten entre os seus obxectivos dotar a Galicia dun maior protagonismo na cooperación para o desenvolvemento.

Neste ámbito, este anteproxecto mantén o compromiso orzamentario que xa se viña reafirmando nos últimos tempos e incorpora como novidade especificidades en relación ás normas xerais do réxime financeiro e orzamentario da Xunta co fin de optimizar a xestión polo departamento competente, garantir a eficacia e a eficiencia, e reforzar a inspección e control das axudas e subvencións que se destinen aos axentes de cooperación para os proxectos no exterior.