Novas de Cooperación Galega
08/06/2022
Xeral

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, asistiu ao acto central da Campaña Mundial pola Educación, que reuniu a mais de cen estudantes no Parlamento de Galicia.

  • O vicepresidente segundo acompañado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, asistiron ao acto central da Campaña Mundial pola Educación, unha iniciativa que se enmarca na convocatoria de subvencións para proxectos de Educación para o Desenvolvemento Global e da Cidadanía.

  • A Xunta apoia desde 2008 esta campaña cun investimento total de máis de 463.000 euros

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou a aposta da Xunta pola educación no investimento en cooperación para o desenvolvemento, ao concentrar este sector 5,5 millóns de euros no período 2018-2021 de vixencia do IV Plan Director da Cooperación Galega, o que supón a cuarta parte do total da axuda desembolsada. Así o sinalou no acto central da Campaña Mundial pola Educación (CME) no que participou xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Ambos recibiron a alumnos de seis centros educativos galegos -os CEIP Labarta Pose, Víctor Sáenz, Raquel Camacho, As Vendas da Barreira, Virxe da Cela e o IES Aguiar Betanzos- e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que traballan coas ONGD Educo, Axuda en Acción, Entreculturas e Taller de Solidaridad, que actualmente traballan no equipo territorial en Galicia da CME. O grupo de alumnos trasladaron en nome de toda a comunidade educativa as súas peticións en torno ao Obxetivo 4 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2015-2030 que busca garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida.

Diego Calvo apelou a cumprir o lema deste ano da campaña, Mil millóns de voces para a educación, e reivindicar a necesidade de abordar a crise educativa global agravada pola pandemia da covid-19.

A Xunta colabora con esta campaña desde 2008 prestando apoio aos proxectos das ONGD que se agrupan para levar a cabo esta iniciativa no marco da convocatoria de subvencións para proxectos de Educación para o Desenvolvemento Global e da Cidadanía. Esta orde de axudas mobilizou 3 millóns de euros no período 2018-2021 en actuacións orientadas a construír unha cidadanía comprometida coa transformación social, a solidariedade e o desenvolvemento humano sustentable. Entre elas a campaña presentada hoxe que ten recibido ao abeiro destas axudas máis de 463.100 euros desde 2008, incluíndo os case 45.000 euros do ano pasado.

Ademais destas axudas, desde a Cooperación Galega tense prestado unha atención especial á educación tamén nas actuacións de cooperación no exterior con 2,1 millóns de euros entre 2018 e 2021 xunto con 360.000 euros no mesmo período para a educación en emerxencia que supoñen un 10% do total de 3,6 millóns de euros dirixidos a actuacións de acción humanitaria e emerxencia.

Por outra banda, a Xunta está a dar resposta ao impacto do coronavirus no dereito á educación en todos os países coa Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega elaborada en consenso co sector. Este documento aprobouse o ano pasado co obxectivo de adaptar os mecanismos de financiamento do vixente Plan director da Cooperación Galega nas comunidades e países socios ás prioridades sectoriais e estratéxicas na realidade actual e no contexto da pandemia. Deste xeito, preténdese contribuír a paliar o abandono e o fracaso escolar, o peche de centros educativos ou o traballo infantil.

Ademais, a educación inclusiva e de calidade forma parte das prioridades de actuación do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 co que a Xunta está a deseñar a Galicia do futuro.