Novas de Cooperación Galega
14/09/2006
Xeral

PÉREZ TOURIÑO COMPROMETE QUE A XUNTA MULTIPLICARÁ POR CATRO O VOLUME DE RECURSOS DEDICADOS Á COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO EN ÁFRICA

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asumiu esta mañá o compromiso de que o volume de recursos dedicados aos países africanos se multiplique por catro antes do ano 2009, chegando así a acadar o 20% do presuposto destinado polo Goberno a cooperación exterior, fronte ao 5% que supuxo entre os anos 1998 e 2005.

Así o salientou o presidente durante o acto de sinatura de dous convenios co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, os de maior importe financiados neste ano dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, que achega o 95% dos 310.000 euros de presuposto do Plan de fortalecemento da administración local de Cabo Verde e o Plan de sensibilización da poboación galega a través dos seus concellos sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Na súa intervención, Pérez Touriño manifestou que o Goberno galego se sente “partícipe” da Declaración e os Obxectivos do Milenio subscrita polas Nacións Unidas, que persegue, entre outros fins, erradicar a pobreza extrema e a fame; acadar a escolarización primaria universal; promover a igualdade entre os xéneros e dar poder á muller ou reducir a mortalidade infantil en dous terzos.

A cumprir con estes obxectivos, explicou, se dirixe o compromiso do Goberno galego “cunha cooperación transformadora e de calidade baseada no dereito ao desenvolvemento” e que se traduciu no Primeiro Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, aprobado por unanimidade das forzas do Parlamento de Galicia.

“Dende aquela, puxéronse en marcha 70 accións de cooperación así como iniciativas de fortalecemento deles ou de sensibilización da poboación galega”, indicou o presidente, quen explicou que a Xunta se decidiu a apoiar os plans asinados hoxe “non só polo seu carácter innovador, senón tamén polo que supón apoiar ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na súa estratexia de consolidación como instrumento vertebrador da cooperación municipal galega”.

Máis fondos para cooperaciónEmilio Pérez Touriño expresou a súa convicción de que tanto os 82 concellos e deputacións galegas que están integrados no Fondo, como os que “de seguro” se incorporarán no futuro comparten coa Xunta o reto de aumentar os fondos dedicados á cooperación cos países empobrecidos “tal e como demanda a cidadanía galega”, e garantir a implicación nos concellos “de cada vez máis galegos e galegas que desexan participar en tarefas de solidariedade”. “Por iso, teño a seguridade de que hoxe, este acto é un excelente punto de partida para traballar, en conxunto, para dar cumprimento a este reto”, enfatizou.

O presidente fixo fincapé no convenio asinado con Cabo Verde pois, segundo sinalou, o seu contido “reflicte con exactitude a nosa filosofía e os criterios de cómo entendemos a cooperación ao desenvolvemento”. Así, salientou que o plan inclúe accións no ordenamento e xestión do territorio, abastecemento e depuración de augas, creación de competencias técnicas nos concellos e, “sobre todo”, de fortalecemento institucional dos concellos caboverdianos e da sociedade civil.

A este respecto, Touriño manifestou o seu convencemento de que os países en desenvolvemento só acadarán unhas sociedades “sans e formadas” se as súas institucións poden acadar “a escala e a fortaleza necesarias” para asegurar un acceso universal á educación e aos servizos básicos de todos os seus cidadáns.

Prazas para acoller inmigrantes“Co desenvolvemento das institucións, e xa que logo, dos homes e mulleres non só en Cabo Verde, senón tamén en Senegal, Mauritania e Guinea Bissau, con iniciativas de cooperación semellantes, Galicia súmase ao Plan África, a estratexia prioritaria do Goberno español que aposta polo desenvolvemento dos países nos que se orixinan a maioría dos fluxos irregulares, nunca ilegais, de inmigración”, explicou Touriño, que reiterou a disposición do Goberno que preside a aumentar ata un 73% as prazas dispoñibles para acoller inmigrantes subsaharianos.

Finalmente, destacou que o plan de sensibilización da poboación galega asegurará que en todos os concellos membros do Fondo “se fale, se mostre e se escoiten” os esforzos de Galicia en cooperación exterior “fortalecendo, sen dúbida, a rede municipalista solidaria”.

ParticipantesNa sinatura desta mañá participaron, entre outros, o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino; o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa Gil; a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo; e a representante da Asociación Tabanka de Mulleres Caboverdianas, Antonia Semedo.

Na súa intervención, o secretario xeral de Relacións Exteriores, resaltou a importancia desta actuación por canto incide na “necesaria” coordinación institucional nas actuacións no ámbito internacional. Segundo manifestou “neste caso as Administracións públicas galegas –a autonómica, as provinciais e as locais- buscamos sinerxías na nosa aposta por Cabo Verde, aproveitando a experiencia do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nese país”, no marco do crecente compromiso da Xunta de Galicia cos países do continente africano.

Plan Operativo Cabo Verde O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL) agrupa a máis de 80 concellos e a tres deputacións de Galicia comprometidos coa idea de cooperar para ser máis eficaces na axuda a prol do desenvolvemento dos países empobrecidos.

O Plan Operativo Cabo Verde 2006-2007 inclúe unha serie de actuacións que serán desenvolvidas polo FOGACOSOL. Entre estas iniciativas figuran a construción dun centro sociocomunitario na illa de Santo Antao, dunha escola infantil, un centro de capacitación de mozos e o achegamento da formación profesional básica en canalizacións hidráulicas, electricidade básica e electricidade industrial, na Illa de Santiago.

Así mesmo, na Illa de Fogo, construirase unha escola, o abastecemento de auga potable e realizarase unha diagnose da capacidade municipal e o seguimento dos Plans Directores Municipais, así como actividades de seguimento, avaliación e participación en foros, xornadas e redes.

Este plan suporá un investimento total case 290.000 euros, dos que 250.000 serán achegados pola Xunta de Galicia, 25.000 polo FOGACOSOL e os 7.165 euros restantes por parte das Cámaras municipais de Ribeira Grande e San Miguel.

Sensibilización da sociedade galegaOutro dos convenios asinados esta mañá é o que establece que ao longo de 2006 a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e o FOGACOSOL desenvolvan o programa de sensibilización “Milenio: somos miles a cooperar” para achegar a conciencia solidaria á sociedade galega, especialmente no ámbito local.

Dentro desta iniciativa, que contará cunha achega de 60.000 euros por parte do Goberno galego, enmárcanse a Campaña sobre os Obxectivos do Milenio, o manifesto e recollida de adhesións “Revirando o Milenio”, as conferencias “Voces de aquí e de alá revirando o milenio”, o seminario “Dereitos Humanos e os ODM dende a realidade local” e diversos obradoiros, así como o programa “Vacacións con traballo” e a campaña “Programa do Bó Café”, entre outras.