Novas de Cooperación Galega
17/02/2008
Xeral

PRESENTACIÓN DO PLAN ANUAL 2008 NOS ÓRGANOS DE COORDINACIÓN E ASESORAMENTO O PRÓXIMO 29 DE FEBREIRO

A Comisión Interdepartamental de Cooperación ao Desenvolvemento (CINCODE) está integrada por representantes de todas as consellerías da Xunta de Galicia, sendo o órgano técnico de coordinación entre os departamentos que levan a cabo actuacións neste ámbito. A Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE) ten como función coordinar as accións entre as Administracións locais e provinciais e a Xunta de Galicia. Está formado por representantes dos departamentos de Administración Local, Facenda, Pesca e Medio Ambiente da Xunta de Galicia, así como por membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Por outra banda, o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE) é o órgano de consulta e participación da sociedade galega en materia de cooperación. Conta con representación das ONGDS radicadas en Galicia, das Universidades Galegas, Organizacións sindicais, Comunidades Galegas no Exterior, Confederación de Empresarios de Galicia, Fundación de Caixas de Aforros, membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL), expertos independentes, ademais de representantes da Vicepresidencia da Igualdade e Benestar Social, das consellerías de Presidencia, Economía e Facenda, Educación e Ordenación  Universitaria, Sanidade, Pesca e da secretaría xeral de Emigración.