Novas de Cooperación Galega
04/09/2007
Xeral

PRESENTADO “POBRE MUNDO RICO”, SIMPOSIO A PROL DA DIVULGACIÓN DO PAPEL DAS ONGs E DA PROCURA

“Pobre Mundo Rico”, o simposio que reúne a oitenta persoas expertas en desigualdades de todos os continentes, foi presentado en Santiago coa intención de divulgar as ideas en relación coa pobreza e desigualdade no mundo. O evento, está organizado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e o Club Internacional de Prensa de Galicia, contando coa colaboración da Obra Social Caixanova e as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo. Mesas de debate e conferencias percorrerán Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, ao longo dos meses de outubro e novembro. O acto de inauguración e as primeiras actividades serán en Vigo o día 2 de outubro, clausurándose o 29 de novembro en Santiago de Compostela.

 Na rolda de prensa de presentación, na que participaron a Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo; a representante de Caixa Nova, María Pereira, o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias; e a Directora do Club Internacional de Prensa, Carmen Carballo, se expuxeron ante as persoas asistentes tanto o programa, como os obxectivos do mesmo.

 Sotelo, recordou na súa intervención que “a sensibilización debe traspasar as fronteiras das propias organizacións, provocar a discusión e penetrar na sociedade”. Con isto, segundo a Directora Xeral, poderase aumentar tanto o coñecemento das verdadeiras causas da pobreza, coma a procura de novas e máis realistas propostas e solucións.

 Fabiola Sotelo recordou tamén o necesario que é “afondar no coñecemento do papel que desenvolven tanto as institucións de Bretton Woods, como a Organización Mundial do Comercio, as diversas Axencias de Nacións Unidas, os gobernos e demáis institucións, para posibilitar unha “maior e fundada crítica” nas sociedades.