Novas de Cooperación Galega
10/04/2008
Xeral

PRESÉNTASE POR VEZ PRIMEIRA O INFORME SOBRE DESENVOLVEMENTO HUMANO EN GALEGO

A sensibilización da cidadanía galega en cuestións vinculadas ao desenvolvemento é un obxectivo estratéxico para todos os actores implicados na cooperación. Neste senso, a primeira tradución do Informe de Desenvolvemento Humano do Programa das Nacións Unidas, elaborada pola Coordinadora Galega de ONGD, constitúe un instrumento clave para achegar esta ferramenta de análise e traballo ao conxunto da poboación e especialmente aos sectores e entidades que traballan neste eido.A versión galega do informe foi presentada hoxe na Fundación Caixa Galicia por Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, que estivo acompañada no acto por Xosé María Torres, presidente da Coordinadora Galega de ONGD, Pedro Manuel Moreno, integrante da oficina do PNUD (Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento) e responsable directo do traballo, e Miguel Aguilar, director da Obra Social de Caixa Galicia.Tras explicar o concepto de desenvolvemento humano, unha noción moito máis ampla que o simple crecemento económico e que incide na capacidade de escoller das persoas e dos pobos, con especial fincapé na saúde, a educación e calidade de vida, Fabiola Sotelo sinalou a loita contra o cambio climático como un tema fundamental, establecido como prioritario nas actuacións da Cooperación Galega. Así, subliñou que a defensa da sostibilidade ambiental e a protección e mellora da calidade do medio ambiente deben guiar todas as accións que se leven a cabo neste eido. Sotelo puxo tamén de manifesto á necesidade de frear o cambio climático para reducir a fenda entre o Norte e o Sur: “Dada a súa extrema dependencia do medio ambiente, os países con menos recursos sofren, como consecuencia do cambio climático, unha reducción nos seus niveis de desenvolvemento, que podería desembocar nunha parálise ou nun claro retroceso, e o aumento da vulnerabilidade”.Na súa intervención, a directora xeral destacou a importancia dun documento de innegable repercusión mundial e do que 120 países teñen publicado a súa propia versión individual. “A importancia deste informe vén dada non só polo protagonismo do Índice de Desenvolvemento Humano coma referencia na avaliación dos progresos do desenvolvemento, senón tamén porque cada ano pon sobre a mesa as cuestións claves que deben guiar os debates internacionais. Asemade, apórtanos a todos os que traballamos neste eido a contundencia dos datos que podemos utilizar para transmitir a urxencia da nosa tarefa”, afirmou. A intervención de Pedro Manuel Moreno, responsable de incidencia política do Informe de Desenvolvemento Humano do PNUD, desenvolveu unha descrición exhaustiva da transcendencia do cambio climático no mundo, facendo tamén fincapé nas consecuencias para os países menos desenvolvidos. Moreno lembrou a urxencia de emprender “unha acción positiva” no campo do cambio climático, acción que debe poñer no centro “aos pobres e non aos osos polares”.