Novas de Cooperación Galega
22/12/2020
Xeral

Proceso participativo de elaboración dunha estratexia de resposta á COVID-19 da Cooperación Galega

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia iniciou a mediados de novembro o proceso participativo de elaboración dunha estratexia de resposta á COVID-19 da Cooperación Galega. O obxectivo deste proceso é dotar á Cooperación Galega dun consenso que permita adaptar, en diálogo cos axentes de cooperación, o marco estratéxico e operativo da Cooperación Galega á situación de pandemia e poder paliar os seus efectos sobre as persoas e comunidades coas que se asocia a Cooperación Galega e sobre os axentes de cooperación e os seus socios.

O Informe intermedio de seguimento do IV Plan Director da Cooperación Galega (2018-2021) incluíu entre as súas recomendacións a definición dunha estratexia complementaria ao IV Plan director en diálogo cos axentes de cooperación, co fin de facer fronte ao impacto negativo da pandemia da COVID-19 e da crise sanitaria, social e económica en Galicia e nos países e nas comunidades socias. Atendendo a esta recomendación, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE (DXRREE e UE), comunicou aos actores e axentes galegos de cooperación a proposta de elaboración participativa dunha estratexia de resposta á COVID-19 da Cooperación Galega complementaria do IV Plan director da cooperación galega (2018-2021) e que estará vixente durante a situación de pandemia.

O IV Plan director deseñouse para reforzar a contribución da Cooperación Galega á Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas. Porén, a actual crise está a afectar ao segundo bienio (2020-2021) de execución do IV Plan director, sendo precisa unha adaptación flexible do mesmo ao novo contexto de emerxencia, de tal xeito que os seus recursos e instrumentos respondan con eficacia ás novas demandas e necesidades das comunidades sociais e dos axentes de cooperación.

Ante a incerteza respecto da persistencia e duración desta emerxencia, a DXRREE e UE ten previsto elaborar o Plan anual 2021 da Cooperación Galega con base nos resultados deste proceso participativo co fin de organizar e orientar os seus activos, recursos e instrumentos e facilitar desde a política pública galega de cooperación internacional a loita contra a pandemia e as súas negativas consecuencias que están a afectar gravemente ás comunidades e persoas máis vulnerables.

Esta estratexia de continxencia ten por obxectivo, xa que logo, consensuar unha resposta flexible e eficaz ás necesidades e demandas dos socios de desenvolvemento da Cooperación Galega. Para acadalo, o proceso de elaboración desta estratexia fomentará un diálogo aberto e unha participación ampla e inclusiva dos axentes galegos de cooperación e os seus socios de desenvolvemento. A través dun diagnóstico participativo identificaranse os principais puntos de fractura que teñen acontecido por causa da pandemia nas comunidades sociais e mais nos procesos vinculados á xestión do ciclo do proxecto, de tal xeito que se fundamenten as adaptacións que sexan necesarias do marco estratéxico, instrumental e operativo do IV Plan director.

Na ligazón inferior pódese acceder á información e documentación que se está a xerar no marco deste proceso participativo.