Novas de Cooperación Galega
20/09/2007
Xeral

PROGRAMAS REINSERCIÓN LABORAL NO VERTEDOIRO DE SANTIAGO DE LOS CABALLEROS (REPÚBLICA DOMINICANA)

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia apoiará varios programas de reinserción social en torno a persoas que actualmente traballan no vertedoiro de Santiago de los Caballeros, na República Dominicana. Esta idea xurdiu da estreita colaboración que desenvolveron no propio terreo a Dirección Xeral e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, trala sinatura dun convenio para a xestión de residuos sólidos urbanos.

Tralo traballo realizado en campo, a Dirección Xeral decidiu centrar os seus esforzos na reinserción laboral da poboación que actualmente está implicada na recollida do lixo que se acumula neste vertedoiro (os coñecidos como buzos), e para os que planifica tarefas de reciclaxe e de reutilización de recursos.

O vertedoiro recibe diariamente unha media de mil toneladas de desfeitos, e ocupa a preto de 400 persoas, das que 50 son nenos. O proxecto de reinserción deberá contar por iso, coa colaboración da sociedade civil e evitar así o problema de reubicación laboral co que se atoparía Santiago de los Caballeros tralo traballo técnico no vertedoiro, como os actuais problemas sanitarios aos que está exposta a poboación que incluso chega a vivir nas montañas de lixo.

A intención é que este tipo de programas non beneficien só as persoas coas que se traballa de xeito directo, senón que melloren a calidade de vida de todas as familias que crearon barrios situados a metros do vertedoiro no que habitan nenos e maiores. 

Este tipo de vertedoiros son moi comúns en toda sudamérica, e o proxecto poderíase converter na primeira dunha serie de actuacións similares que proximamente se podería levar a cabo noutros países prioritarios habituais da cooperación galega. Ademais forma parte dun plan de colaboración para a mellora das políticas medioambientais que ten como fin último mellorar o nivel de vida das comunidades menos favorecidas. 

O proxecto de cooperación da Dirección Xeral estase a levar a cabo tanto co apoio da municipalidade de Santiago de los Caballeros, coma co apoio estatal da República Dominicana. Os tres entes procuran a implicación da sociedade civil para evitar o fracaso desta política medioambiental que se enmarca nunha serie de actuacións da mesma temática desenvolvidas nos países prioritarios da cooperación galega. Así melloraranse tamén as capacidades de xestión dos residuos sólidos urbanos da propia municipalidade. 

Esta prevista tamén a organización ao longo do mes de outubro dunha reunión-taller cos beneficiarios do proxecto para a valoración da aceptación do mesmo e da súa aceptación social. 

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior procurará a colaboración de empresas privadas, outras administracións e do concello de Santiago de Compostela, cidade hermanada con Santiago de los Caballeros.