Novas de Cooperación Galega
29/06/2017
Convocatorias

Publicación da convocatoria de subvencións para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento

No DOG do 29 de xuño publícase a Orde do 14 de xuño de 2017, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, a executar polos grupos e centros de investigación das Universidades galegas.

Esta a convocatoria enmárcase no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, que na súa liña de acción 6.2 promove a cultura avaliativa, de investigación e aprendizaxe. Preténdese que as investigacións financiadas aporten valor para o conxunto do sistema galego de cooperación mellorando a súa calidade e eficacia.

A convocatoria establece as condicións para a concesión de subvencións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para dúas categorías ou tipoloxías de proxectos diferenciadas:

1.-proxectos de investigación sobre cooperación para o desenvolvemento, incluída a educación para o desenvolvemento, e sobre a aplicación da tecnoloxía para o desenvolvemento humano, sendo imprescindible que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, e o seu contido estea claramente relacionado con esta área, non sendo financiables as colaboracións científicas sen esta dimensión.

2.- proxectos para a creación de grupos de investigación, uni ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación na materia no SUG.

A convocatoria conta cunha dotación total de 150.000 euros , 75.000 euros para a anualidade 2017 e 75.000 euros para a anualidade 2018, correspondentes en todo caso ao capítulo IV de gastos correntes.

Serán entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema Universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 31 de xullo de 2017.