Novas de Cooperación Galega
21/05/2018
Convocatorias

Publicación da orde de convocatoria de 6 bolsas de formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento

No DOG do 21 de maio publícase a Orde do 24 de abril da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede a súa convocatoria.

O obxecto destas bolsas é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento e os destinos para a formación serán os seguintes: dúas bolsas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, onde as persoas bolseiras formaranse na xestión e xustificación dos expedientes de subvencións e catro bolsas en distintas Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) de Latinoamérica ou África, nas que as persoas bolseiras poderán coñecer no terreo o funcionamento das oficinas da cooperación española.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2018 e 2019, cunha duración máxima de doce meses, entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019. O importe da bolsa será de 1.200 euros brutos/mes máis gastos de viaxe, no caso de que os destinos sexan no exterior e de 1.000 euros brutos/mes no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela.

Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, estar en posesión dun título universitario do ano 2008 ou posterior e non ter sido con anterioridade persoa beneficiaria dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.

Esta convocatoria enmárcase no Plan director da cooperación galega. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no devandito Plan, o goberno galego aposta polas actividades destinadas á formación de persoal especializado como unha tarefa básica que a Xunta ten que levar a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.

As solicitudes só se poderán presentar por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria remata o vindeiro 21 de xuño de 2018.