Novas de Cooperación Galega
28/05/2019
Convocatorias

Publicación da Orde de convocatoria de seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento

No DOG do 28 de maio publícase a Orde do 14 de maio de 2019 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se convocan para o ano 2019.

O obxecto destas bolsas é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento e os destinos para a formación serán os seguintes: dúas bolsas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, onde as persoas bolseiras formaranse na xestión e xustificación dos expedientes de subvencións e catro bolsas en distintas Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) de Latinoamérica ou África, nas que as persoas bolseiras poderán coñecer no terreo o funcionamento das oficinas da cooperación española.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2019 e 2020, cunha duración máxima de doce meses, entre o 1 de setembro de 2019 e o 31 de agosto de 2020. O importe da bolsa será de 1.200 euros brutos/mes máis gastos de viaxe, no caso de que os destinos sexan no exterior e de 1.000 euros brutos/mes no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela.

Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, estar en posesión dun título universitario do ano 2009 ou posterior e non ter sido con anterioridade persoa beneficiaria dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.

Esta convocatoria enmárcase no IV Plan director da cooperación galega 2018-2021. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no devandito Plan, o goberno galego aposta polas actividades destinadas á formación de persoal especializado como unha tarefa básica que a Xunta ten que levar a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.

As solicitudes só se poderán presentar por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria remata o 28 de xuño de 2019.