Novas de Cooperación Galega
02/06/2022
Convocatorias

Publicación da Orde de convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento

No DOG nº 105 do 2 de xuño publícase a Orde do 11 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa  convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR809A).

O obxecto destas bolsas é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento e os destinos para a formación serán na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou nas Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2022 e 2023, cunha duración máxima de doce meses, entre os meses de outubro de 2022 e setembro de 2023. O importe da bolsa será de 1.350 euros brutos/mes máis gastos de viaxe, no caso de que os destinos sexan no exterior e de 1.100 euros brutos/mes no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela.

Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, estar en posesión dun título universitario do ano 2013 ou posterior e non ter sido con anterioridade persoa beneficiaria dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.

As solicitudes só se poderán presentar por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria remata o 4 de xullo de 2022.