Publicación da Orde de convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento
No DOG nº 61 do 28 de marzo de 2025, publícase a Orde do 21 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR809A).
O obxecto destas bolsas é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento e os destinos para a formación serán na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, ou nas Oficinas da Cooperación Española (OCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).
As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2025 e 2026, cunha duración máxima de doce meses, entre os meses de outubro de 2025 e setembro de 2026. O importe da bolsa será de 1.350 euros brutos/mes máis gastos de viaxe, no caso de que os destinos sexan no exterior e de 1.100 euros brutos/mes no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela.
Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, estar en posesión dun título universitario do ano 2016 ou posterior e non ter sido con anterioridade persoa beneficiaria dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.
As solicitudes só se poderán presentar por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria remata o 28 de abril de 2025.