Novas de Cooperación Galega
15/05/2019
Convocatorias

Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior

No DOG do 15 de maio publícase a Orde do 29 de abril de 2019, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2019.

 

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regulará a concesión de subvencións da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2019.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais-, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A convocatoria ten carácter anual e será financiada cun importe total de 300.000 euros, mantendo o mesmo orzamento das convocatorias de anos anteriores. Dende o 2017 trátase dunha convocatoria de concorrencia competitiva, abandonando a modalidade aberta e permanente que tiña orixinariamente, de cara a garantir maior calidade nas intervencións financiadas.

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións serán aqueles executados no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins a acción humanitaria ou conten con experiencia no desempeño de actuacións neste ámbito. Os proxectos terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2019 e podendo estar iniciado dende o 1 de xaneiro do mesmo ano.

A convocatoria enmárcase no cumprimento do Plan director da Cooperación Galega, no que se identifica a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como un dos seus ámbitos estratéxicos. Igualmente, o Plan Anual 2019 da Cooperación Galega recolle a convocatoria destas axudas.

Cada entidade pode presentar un proxecto individual.

O prazo de presentación dos proxectos remata o vindeiro 17 de xuño de 2019.