Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior
- No DOG do 4 de xuño de 2020 publícase a Orde do 25 de maio de 2020 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2020
O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regulará a concesión de subvencións da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2020. Neste ano, como non podería ser doutro xeito, a convocatoria prestará especial atención á crise sanitaria provocada polo COVID-19, promovendo proxectos que contribúan a dar resposta a esta crise nos países con sistemas de saúde e contextos socioeconómicos que dificultan poñer freo a esta pandemia, sen descoidar aqueles outros proxectos destinados a compensar crises doutra índole ás que, tradicionalmente, se dirixe esta convocatoria.
Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises - provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.
A convocatoria ten carácter anual e será financiada cun importe total de 300.000 euros, mantendo o mesmo orzamento das convocatorias de anos anteriores.
Os proxectos que poderán optar a estas subvencións serán aqueles executados no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins a acción humanitaria ou conten con experiencia no desempeño de actuacións neste ámbito. Os proxectos terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2020 e podendo estar iniciado dende o 1 de xaneiro do mesmo ano. Cada entidade pode presentar un proxecto individual.
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación remata o 06/07/2020.
A convocatoria enmárcase no cumprimento do Plan director da cooperación galega, no que se identifica a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como un dos seus ámbitos estratéxicos. Igualmente, o Plan anual 2020 da cooperación galega recolle a convocatoria destas axudas.