Novas de Cooperación Galega
09/06/2021
Convocatorias

Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior

  • No DOG núm. 108, do 9 de xuño de 2021, publícase a Orde do 24 de maio de 2021 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR811A).

 

A convocatoria enmárcase no cumprimento do IV Plan director da cooperación galega 2018-2021, no que se identifica a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como un dos seus ámbitos estratéxicos. Igualmente, o Plan anual 2021 da cooperación galega recolle a convocatoria destas axudas.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regulará a concesión de subvencións da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2021. Neste ano, como no anterior, a convocatoria prestará especial atención á crise sanitaria provocada pola COVID-19, promovendo proxectos que reforcen os sistemas de saúde a través da provisión de recursos materiais, infraestruturas adaptadas, protocolos de actuación e formación e apoio psicosocial para persoal de saúde, para rematar coa transmisión do virus e prever e tratar futuras crises sanitarias e pandemias; reforzar os sistemas de protección social, promover o exercicio dos dereitos sociais básicos e mitigar o impacto socioeconómico desta crise.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises - provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A convocatoria ten carácter anual e será financiada cun importe total de 400.000 euros, o que representa un incremento dun 33,3 % respecto á dotación da convocatoria do ano anterior.

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións serán aqueles executados no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins a acción humanitaria ou conten con experiencia no desempeño de actuacións neste ámbito. Os proxectos terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2021 e podendo estar iniciados dende o 1 de xaneiro do mesmo ano. Cada entidade pode presentar un proxecto individual.

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación remata o 9 de xullo de 2021.