Novas de Cooperación Galega
14/01/2019
Convocatorias

Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

No DOG do 14 de xaneiro de 2019 publícase a Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e procédese á súa convocatoria.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións da Xunta de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, en materia de cooperación ao desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:

  • Proxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD).
  • Proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento (universidades, empresas, sindicatos, fundacións, comunidades galegas, etc).

A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior vén publicándose dende o ano 1995. Ten carácter bianual (2019-2020) e será financiada cun importe total de 3.500.000 euros, o que representa un incremento de máis dun 7,3% respecto á dotación da convocatoria do ano 2018, conforme á seguinte distribución:

  • Proxectos no exterior de ONGD: 2.800.000 € (1.120.000 € no 2019 e 1.680.000 € no 2020).
  • Proxectos no exterior doutros axentes: 700.000 € (280.000 € no 2019 e 420.000 € no 2020).

Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro do 2019, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2019. As entidades solicitantes deben ter aberta a súa sede en Galicia e poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e un aos outros axentes.

O goberno galego segue a manter o seu compromiso de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano sostible. Deste xeito, apóstase por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega. Galicia vai cooperar en sectores nos que pode ofrecer experiencia e coñecementos específicos, coma é, por exemplo, o caso da pesca.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 14 de febreiro de 2019.