Novas de Cooperación Galega
28/06/2021
Convocatorias

Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

No DOG nº 121, do 28 de xuño de 2021 publícase a Orde do 17 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR803D).

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións da Xunta de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, en materia de cooperación para o desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:

• Proxectos de cooperación no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento (ONGD), ou as agrupacións que elas lideren.

• Proxectos de cooperación no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia (universidades, empresas, sindicatos, comunidades galegas, etc), así como as agrupacións lideradas por calquera deles.

A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior vén publicándose dende o ano 1995. Ten carácter bianual (2021-2022) e será financiada cun importe total de 5.000.000,00 €, o que representa un incremento dun 6% respecto á dotación das convocatorias do ano 2020, conforme á seguinte distribución:

  • Proxectos no exterior de ONGD: 4.300.000 € (1.720.000,00 € no 2021 e 2.580.000,00 € no 2022).
  • Proxectos no exterior doutros axentes: 700.000 € (280.000 € no 2021 e 420.000 € no 2022).

Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro de 2021, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no propio 2021, e poderán estenderse ata o 31 de decembro de 2022. As entidades solicitantes deben estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento cunha antigüidade mínima dun ano e poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e, como novidade este ano, tamén aos outros axentes.

Como novidade tamén deste ano 2021, a convocatoria desenvolverase tomando como base a Estratexia de resposta á COVID-19 da Cooperación Galega, de tal forma que os proxectos orientaranse a facilitar a loita contra a pandemia e as súas negativas consecuencias que están a afectar gravemente ás comunidades e persoas máis vulnerables dos países socios.

Ao tempo, a aprobación no Parlamento de Galicia e entrada en vigor da Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia ten permitido contar cun renovado marco de financiamento e control destas axudas e subvencións, posibilitando a necesaria flexibilidade na súa xestión para afrontar este contexto de incertezas con garantías de calidade, eficacia e eficiencia.

Con todo, o goberno galego segue a manter o seu compromiso de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano sostible. Deste xeito, apóstase por unha maior eficacia e calidade da política galega nesta materia, unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega.

Galicia vai cooperar en sectores nos que pode ofrecer experiencia e coñecementos específicos, como é, por exemplo, o caso da pesca.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de xullo de 2021