Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación
- No DOG nº 67, do 6 de abril de 2022 publícase a Orde do 23 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR803D).
O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións da Xunta de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, en materia de cooperación para o desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:
- Proxectos de cooperación no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento (ONGD), ou as agrupacións que elas lideren.
- Proxectos de cooperación no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, así como as agrupacións lideradas por calquera deles.
A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior ten carácter bianual (2022-2023) e será financiada cun importe total de 5.400.000,00 €, o que representa un incremento dun 8 % respecto á dotación da convocatoria do ano 2021, conforme á seguinte distribución:
- Proxectos no exterior de ONGD: 4.700.000 € (1.880.000,00 € no 2022 e 2.820.000,00 € no 2023).
- Proxectos no exterior dos outros axentes: 700.000 € (280.000 € no 2022 e 420.000 € no 2023).
Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro de 2022, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2022. As entidades solicitantes deben estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao da publicación da convocatoria e poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e tamén aos outros axentes.
Coma na convocatoria do ano 2021, neste ano continúase tomando como base a Estratexia de resposta á COVID-19 da Cooperación Galega, de tal forma que os proxectos orientaranse a facilitar a loita contra a pandemia e as súas negativas consecuencias nas comunidades e persoas máis vulnerables dos países socios.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 6 de maio de 2022.