Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación.
- No DOG nº 24, do 5 de febreiro do 2026 publícase a Orde do 16 de xaneiro de 2026, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR803D).
O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións da Xunta de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, en materia de cooperación para o desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:
- Proxectos de cooperación no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento (ONGD), ou as agrupacións que elas lideren.
- Proxectos de cooperación no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, así como as agrupacións lideradas por calquera deles.
- Continuando coa novidade introducida o pasado ano, en cumprimento do compromiso adquirido no V Plan Director da Cooperación Galega (2023- 2026) e en complemento á Cooperación Española, Proxectos de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres.
A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior ten carácter bianual (2026-2027) e será financiada cun importe total de 6.300.000,00 €, un 5% máis que a do 2025, conforme á seguinte distribución:
- Proxectos no exterior de ONGD: 4.340.000 € (1.519.000 € no ano 2026 e 2.821.000 € no ano 2027).
- Proxectos no exterior dos outros axentes: 700.000 € (245.000 euros no ano 2026 e 455.000 euros no ano 2027).
- Proxectos de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres: 1.260.000 € (441.000 € no ano 2026 e 819.000 € no ano 2027)
Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro de 2026, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2026, e poderán estenderse ata o 31 de decembro do 2027.
As entidades solicitantes deben estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao da publicación da convocatoria e poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e tamén aos outros axentes, salvo a aquelas entidades que obtiveran subvención con cargo á convocatoria de programas, as cales unicamente poderán presentar unha solicitude.
A subvención concedida non superará en ningún caso os 185.000 euros para proxectos plurianuais. Para proxectos cuxa execución estea limitada ao ano 2026 o importe máximo da subvención será de 60.000 euros. Nos proxectos presentados por unha agrupación de entidades, a subvención concedida non excederá o límite de 240.000 euros. Para proxectos cuxa execución estea limitada ao ano 2026, o importe máximo da subvención será de 100.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de marzo do 2026.