Novas de Cooperación Galega
24/04/2018
Convocatorias

Publicación da orde de convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

No DOG do 24 de abril de 2018 publícase a Orde do 11 de abril de 2018, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria

Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego aposta pola conformación dunha cidadanía global, fomentando para iso a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos e potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia, solidariedade e igualdade.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para proxectos de educación para o desenvolvemento das ONGD, cunha dotación de 450.000 € (180.000 no 2018 e 270.000 no 2019).

As ONGD poderán solicitar o financiamento para actuacións que se desenvolvan dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

 No marco desta convocatoria de axudas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, as entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades.

 A presentación de propostas debe facerse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. Os documentos de formulación asociados a esta convocatoria poden atoparse na ligazón inferior.

 O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 24 de maio de 2018.