Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento
No DOG do 23 de abril de 2019 publícase a Orde do 2 de abril de 2019, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria.
Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no vixente Plan Director, o goberno galego aposta pola conformación dunha cidadanía global, fomentando a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos, potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia, solidariedade e igualdade, sen perder de vista os ODS e a Axenda de desenvolvemento 2030.
O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global das ONGD, cunha dotación de 500.000 € (200.000 € no 2019 e 300.000 € no 2020).
As ONGD poderán solicitar o financiamento para actuacións que se desenvolvan dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:
a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.
No marco desta convocatoria de axudas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, as entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben individuais ou ben en agrupación con outras entidades.
A presentación de propostas debe facerse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 23 de maio de 2019.
Os documentos de formulación asociados a esta convocatoria poden atoparse na ligazón inferior.