Novas de Cooperación Galega
07/07/2020
Convocatorias

Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

No DOG do 7 de xullo de 2020 publícase a Orde do 22 de xuño de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global por parte das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR804A).

Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no vixente Plan director, o Goberno galego aposta pola conformación dunha cidadanía global, fomentando a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos, potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia, solidariedade e igualdade, tendo en conta a Axenda 2030, os seus obxectivos e metas.

En concreto, con esta convocatoria preténdese dar cumprimento específico á meta 4.7: De aquí ao 2030 asegurar que todo o alumnado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sustentable, entre outras cousas mediante a educación para o desenvolvemento sustentable e os estilos de vida sustentables, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción dunha cultura de paz e non violencia, a cidadanía mundial e a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sustentable.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global das ONGD, cunha dotación de 500.000 € (150.000 € no ano 2020 e 350.000 € no ano 2021).

As ONGD poderán solicitar o financiamento para actuacións que se desenvolvan dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

No marco desta convocatoria de axudas de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, as entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben individuais ou ben en agrupación con outras entidades.

Neste ano, como novidade para a adaptación a posibles circunstancias excepcionais que limiten ou dificulten o cumprimento parcial ou total dos obxectivos específicos, resultados e actividades previstas, valórase de xeito específico que as propostas teñan en conta no deseño e execución das actividades a adaptación ás ditas circunstancias.

A presentación de propostas debe facerse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.  

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 7 de agosto de 2020.