Novas de Cooperación Galega
20/05/2022
Convocatorias

Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

No DOG núm. 97, do 20 de maio de 2022, publícase a Orde do 4 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR804A).

Con esta convocatoria dáse cumprimento específico á meta 4.7 da Axenda 2030: De aquí ao 2030 asegurar que todo o alumnado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sustentable, entre outras cousas mediante a educación para o desenvolvemento sustentable e os estilos de vida sustentables, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción dunha cultura de paz e non violencia, a cidadanía mundial e a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sustentable.

Tamén, na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no vixente Plan director, o Goberno galego aposta pola conformación dunha cidadanía global, fomentando a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos, potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia, solidariedade e igualdade.

O obxecto da Orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global das ONGD, cunha dotación de 600.000 € (240.000 € no ano 2022 e 360.000 € no ano 2023).

As ONGD poderán solicitar o financiamento para actuacións que se desenvolvan dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

No marco desta convocatoria de axudas de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global as entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben individuais ou ben en agrupación con outras entidades.

Neste ano continuarase coa adaptación ás circunstancias derivadas da COVID-19, valorándose de xeito específico que as propostas teñan en conta no deseño e execución das actividades a adaptación se as circunstancias o fan necesario.

A presentación de propostas debe facerse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).  

O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de xuño de 2022.