Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento
No DOG núm. 107, do 7 de xuño de 2023, publícase a Orde do 26 de maio de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global por parte das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR804A).
Con esta convocatoria dáse cumprimento específico á meta 4.7 da Axenda 2030: De aquí ao 2030 asegurar que todo o alumnado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sustentable, entre outras cousas mediante a educación para o desenvolvemento sustentable e os estilos de vida sustentables, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción dunha cultura de paz e non violencia, a cidadanía mundial e a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sustentable.
Tamén, na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no V Plan director da Cooperación Galega (2023-2026), o Goberno galego aposta no seu Ámbito Estratéxico, por “Construír unha cidadanía global comprometida coa transformación social positiva, a solidariedade e o desenvolvemento humano sustentable”.
O obxecto da Orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global das ONGD, cunha dotación, similar á do ano anterior, de 600.000 € (240.000 € no ano 2023 e 360.000 € no ano 2024).
As ONGD poderán solicitar o financiamento para actuacións que se desenvolvan dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:
a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.
No marco desta convocatoria de axudas de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global as entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben individuais ou ben en agrupación con outras entidades.
A presentación de propostas debe facerse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de xullo de 2023.