Novas de Cooperación Galega
28/05/2019
Convocatorias

Publicación da Orde de convocatoria de subvencións para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, a executar polos grupos e centros de investigación das Universidades galegas

No DOG do 28 de maio publícase a Orde do 6 de maio de 2019 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das Universidades galegas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2019.

Esta convocatoria enmárcase no IV Plan director da cooperación galega 2018-2021, que na súa liña de acción 5.4 establece a necesidade de reforzar a cultura de avaliación, investigación e aprendizaxe colectiva dos actores e axentes de cooperación.

Na convocatoria establécense as condicións para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para dúas categorías ou tipoloxías de proxectos diferenciadas:

1.- Proxectos de investigación que teñan como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano e sostible, consonte á axenda nacional e internacional de desenvolvemento e, en particular,  aliñados cos ODS de Nacións Unidas, sendo imprescindible que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, e o seu contido estea claramente relacionado con esta área, non sendo financiables as colaboracións científicas sen esta dimensión.

2.- Proxectos para a creación de grupos de investigación, uni ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación na materia no SUG.

A convocatoria conta cunha dotación total de 150.000 euros (75.000 euros para a anualidade 2019 e 75.000 euros para a anualidade 2020), correspondentes en todo caso ao capítulo IV de gastos correntes.

Serán entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema Universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Esta modalidade de axudas publicouse anteriormente nos anos 2014 e 2017. Nesta ocasión, e como novidade con respecto ás anteriores, adquire un peso e protagonismo esencial a Axenda 2030 de desenvolvemento sustentable.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 28 de xuño de 2019.