Publicación da Orde pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación
- No DOG núm. 78, do 28 de abril do 2026, publícase a Orde do 13 de abril do 2026 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (código de procedemento PR804B).
Esta convocatoria enmárcase no cumprimento do vixente V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026 que a recuperou como instrumento de financiamento logo de algúns anos sen publicala.
A convocatoria ten como obxectivo establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que execute individualmente algunha das entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, concretamente:
– Polas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
– Polos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento que estean inscritos na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer e/ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio.
A convocatoria ten carácter anual e financiará intervencións que se executen entre o 1 de xaneiro ao 31 de decembro do 2026. A súa dotación ascende a 150.000,00 €, igual ca do ano anterior.
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación remata o 28 de maio de 2026.