Novas de Cooperación Galega
10/05/2024
Convocatorias

Publicación da Orde pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2024

  • No DOG núm. 91, do 10 de maio do 2024, publícase a Orde do 26 de abril do 2024 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR811A).

 

Esta convocatoria enmárcase no cumprimento do vixente V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026, no que se identifica a Acción Humanitaria e de Emerxencia como un dos seus ámbitos estratéxicos, concretamente o AE6: Protexer e salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana respondendo ás crises humanitarias con eficacia e calidade, e cunha perspectiva de redución de vulnerabilidades e fomento da resiliencia. Igualmente, o Plan anual 2024 da Cooperación Galega recolle a convocatoria destas axudas.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises - provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.

A convocatoria ten carácter anual e a súa dotación ascende a 550.000 €.

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións serán aqueles executados no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins a acción humanitaria ou conten con experiencia no desempeño de actuacións neste ámbito. Os proxectos terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2024 e podendo estar iniciados dende o 1 de xaneiro do 2024. Cada entidade pode presentar un proxecto individual.

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación remata o 10 de xuño de 2024.