Novas de Cooperación Galega
02/05/2023
Convocatorias

Publicación hoxe no DOG da Orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación.

  • No DOG nº 83, do 2 de maio 2023 publícase a Orde do 19 de abril de 2023, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR803D).

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións da Xunta de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, en materia de cooperación para o desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:

  • Proxectos de cooperación no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento (ONGD), ou as agrupacións que elas lideren.
  • Proxectos de cooperación no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, así como as agrupacións lideradas por calquera deles.

A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior ten carácter bianual (2023-2024) e será financiada cun importe total de 6.000.000,00 €, o que representa un incremento dun 11,11 % respecto á dotación da convocatoria do ano 2022, conforme á seguinte distribución:

  • Proxectos no exterior de ONGD: 5.300.000 € (2.120.000 € no 2023 e 3.180.000 € no 2024).
  • Proxectos no exterior dos outros axentes: 700.000 € (280.000 € no 2023 e 420.000 € no 2024).

Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro de 2023, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2023. As entidades solicitantes deben estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao da publicación da convocatoria e poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e tamén aos outros axentes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 2 de xuño de 2023.