Publicada no DOG a Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia
- No DOG nº 50 do luns 15 de marzo de 2021 publicouse a nova Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
Despois de que o Parlamento de Galicia aprobara o mércores 23 de febreiro a citada Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, cos votos favorables do Partido Popular, a abstención do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e os votos en contra do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), a norma vén de ser publicada no DOG nº 50 do luns 15 de marzo de 2021.
O anteproxecto desta lei recibiu o apoio unánime do Consello Galego de Cooperación para de desenvolvemento na reunión plenaria celebrada o 25 de novembro do 2019.
O título VIII desta lei dedícase en exclusiva á cooperación para o desenvolvemento, que constitúe un dos puntais da proxección de Galicia no exterior, actualizando as previsións inseridas na Lei 3/2003, do 19 de xuño, que pasa a ser explicitamente derrogada.
Reflicte ademais os avances e progresos experimentados nos máis de vinte e cinco anos de experiencia da Comunidade Autónoma no eido da cooperación internacional e da acción humanitaria e que configuraron unha Cooperación Galega máis especializada sectorial e xeograficamente, con maior complementariedade e eficaz coordinación co Estado e coa Unión Europea, con maior valor engadido e con maior capacidade para acadar os resultados de desenvolvemento establecidos na Axenda global de desenvolvemento humano sustentable das Nacións Unidas.
Por outra banda, este título actualiza e moderniza ademais, os principios, os obxectivos, os criterios e as prioridades da política pública autonómica de cooperación para o desenvolvemento, así como a organización institucional da Cooperación Galega e os seus recursos e financiamento, co fin de facilitar un espazo de coordinación e complementariedade co resto de axentes públicos e privados de cooperación, en especial coas administracións locais e as organizacións que a representan e as organizacións non-gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD), principais aliadas da Xunta de Galicia na promoción da xustiza global.
A Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia entrará en vigor o próximo 5 de abril.