Novas de Cooperación Galega
24/06/2007
Xeral

PUBLICADA NO DOG A NOVA LEI DE SUBVENCIÓNS QUE ESTABLECE UN RÉXIME ESPECÍFICO PARA AXUDAS EN MATERIA DE COOPERACIÓN

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a Lei 9/2007 de subvencións de Galicia que constitúe o elemento básico para a consecución dos obxectivos fixados na política social e económica do Goberno galego. Esta lei recolle nos seus cinco títulos a definición do concepto de subvención, as figuras da poboación beneficiaria e as entidades colaboradoras, as obrigas derivadas de tal condición, así como a publicidade das subvencións concedidas.

Na súa disposición adicional segunda a lei marca un réxime especial para as axudas en materia de cooperación exterior, co obxecto de lograr unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos fondos públicos. Deste xeito as bases reguladoras das subvencións destinadas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento poderán establecer sistemas específicos de pagamentos anticipados de ata o 100% da subvención concedida sen a obriga de presentar garantías, así como réximes especiais de xustificación e control cando a natureza dos proxectos ou as características das persoas destinatarias o requiran.A nova lei entrará en vigor tres meses despois da súa publicación no DOG.