Novas de Cooperación Galega
25/05/2016
Xeral

Publicada a Orde de convocatoria de 6 bolsas de formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento.

O obxecto destas bolsas é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os destinos para a formación dos bolseiros serán: dúas bolsas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, onde os/as bolseiros/as se formarán na xestión e xustificación dos expedientes de subvencións e catro bolsas en distintas Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) de Latinoamérica ou África, nas que os/as bolseiros/as poderán coñecer no terreo o funcionamento das oficinas da cooperación española.
As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2016 e 2017 cunha duración máxima de doce meses, entre o 1 de setembro de 2016 e o 31 de agosto de 2017. O importe da bolsa será de 1.200 euros brutos/mes mais gastos de viaxe, no caso de que os destinos sexan no exterior e 1.000 euros brutos/mes no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela.
Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, ter nado a partir do 1 de xaneiro de 1985, estar en posesión dun titulo universitario e non ter sido con anterioridade beneficiario/a dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.
Esta convocatoria enmárcase no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no citado Plan, o goberno galego aposta polas actividades destinadas á formación de persoal especializado como unha tarefa básica que a Xunta ten que levar a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria remata o 25 de xuño de 2016.

 www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160525/AnuncioG0244-120516-0001_gl.html