Novas de Cooperación Galega
26/05/2017
Convocatorias

Publicada a orde de convocatoria de 6 bolsas de formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento

No DOG do 26 de maio publicouse a Orde do 15 de maio de 2017 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

O obxecto destas bolsas é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os destinos para a formación das persoas bolseiras serán: dúas bolsas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, onde os/as bolseiros/as se formarán na xestión e xustificación dos expedientes de subvencións e catro bolsas en distintas Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) de Latinoamérica ou África, nas que as persoas bolseiras poderán coñecer no terreo o funcionamento das oficinas da cooperación española.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2017 e 2018, cunha duración máxima de doce meses, entre o 1 de setembro de 2017 e o 31 de agosto de 2018. O importe da bolsa será de 1.200 euros brutos/mes máis gastos de viaxe, no caso de que os destinos sexan no exterior e 1.000 euros brutos/mes no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela.

Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, estar en posesión dun título universitario do ano 2008 ou posterior e non ter sido con anterioridade beneficiario/a dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.

Esta convocatoria enmárcase no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no devandito Plan, o goberno galego aposta polas actividades destinadas á formación de persoal especializado como unha tarefa básica que a Xunta ten que levar a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria remata o 26 de xuño de 2017(incluído).