Novas de Cooperación Galega
06/05/2015
Xeral

Publicada a Orde de convocatoria de 8 bolsas de formación de expertos en cooperación para o desenvolvemento.

O obxectivo destas bolsas, cuxa convocatoria aparece recollida no Plan Anual 2015, é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os destinos para a formación dos bolseiros serán de tres tipos: dúas bolsas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, onde os/as bolseiros/as se formarán na xestión e xustificación dos expedientes de subvencións; cinco bolsas nas Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) de Mozambique, República Dominicana, Nicaragua, Ecuador e Perú, nas que os/as bolseiros/as poderán coñecer no terreo o funcionamento das oficinas da cooperación española; e unha nunha representación da FAO nun pais prioritario da cooperación galega, co fin de que o/a bolseiro/a que alí se destine se familiarice co traballo nun organismo multilateral das Nacións Unidas.
Esta convocatoria enmárcase no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no citado Plan, o goberno galego aposta polas actividades destinadas á formación de persoal especializado como unha tarefa básica que a Xunta ten que levar a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.
As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2015 e 2016 cunha duración máxima de doce meses, entre o 1 de setembro de 15 e o 31 de agosto de 2016. O importe da bolsa será de 1.200 euros brutos/mes mais gastos de viaxe, no caso de que os destinos sexan no exterior e 1.000 euros brutos/mes no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela.

Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, ter nado a partir do 1 de xaneiro de 1984, estar en posesión dun titulo universitario e non ter sido con anterioridade beneficiario/a dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria remata ó 6 de xuño de 2015.