Novas de Cooperación Galega
07/05/2025
Convocatorias

Publicada a Orde de convocatoria de axudas para microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con 150.000 euros e dirixida ás ONGD ou a outros axentes sociais adicados á realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento
  • Financiaranse gastos relacionados con infraestruturas, materiais e de persoal imprescindibles para a posta en marcha da actuación
  • O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá e prolongarase un mes

A Xunta abre a convocatoria de axudas para microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior cunha partida de 150.000 euros. A iniciativa, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, está dirixida ás ONGD e a outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

En calquera caso, para ser beneficiario destas axudas débese estar inscrito no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e non ter recibido ningunha subvención nas convocatorias para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior nos últimos cinco anos ou non ter superado os 200.000 euros anuais de subvencións por parte das diferentes administración os tres anos anteriores.

A Xunta de Galicia financiará ata un 95% do orzamento total do microproxecto, sen superar como máximo os 30.000 euros. Cada entidade pode presentar unha única iniciativa e só se aceptarán aqueles microproxectos iniciados despois do 1 de xaneiro do 2025 e que finalicen antes do 31 de decembro do 2025.

Enténdese por microproxecto todas aquelas intervencións puntuais de cooperación e desenvolvemento no exterior que fortalezan a capacidade de resposta ás necesidades da poboación destinataria ou que complementen actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio, cun prazo de execución inferior a un ano. Ademais, excluirase aos proxectos que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Entre os gastos subvencionables están aqueles imprescindibles para a posta en marcha da iniciativa como poden ser aluguer, construción ou adquisición de inmobles e infraestruturas necesarios para o proxecto; equipos informáticos, maquinaria ou mobiliario (o que inclúe o envío de material ou as posibles taxas aduaneiras); gastos de persoal; servicios técnicos profesionais, pólizas e seguros; viaxes e aloxamentos; ou custos de asesorías xurídicas, financieiras, rexistrais e periciais.

O prazo de presentación de solicitudes abre mañá e durará un mes. As entidades interesadas deberán presentar o seu microproxecto a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), xunto con documentación complementaria sobre a propia organización. As solicitudes que cumpran cos requisitos sinalados na orde, serán avaliados seguindo os criterios e prioridades establecidos no V Plan director da Cooperación Galega. 

O prazo para a presentación das propostas remata o luns 9 de xuño do 2025