Novas de Cooperación Galega
24/05/2024
Convocatorias

Publicada a Orde de convocatoria de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior

 

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con 90.000 euros, dirixida a ONGD e aos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
  • Financiaranse gastos relacionados con infraestruturas, materiais e de persoal para poñer en marcha a intervención

A Xunta abre a convocatoria de axudas a microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior cunha dotación de 90.000 euros, segundo se recolle no Diario Oficial de Galicia de hoxe. A iniciativa está dirixida ás ONGD inscritas na sección A do Rexistro galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e a outras entidades inscritas como axentes de cooperación para o desenvolvemento, inscritos na Sección D, é dicir, aqueles axentes sociais e entidades que teñen entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento,sempre que non teñan recibido ningunha subvención nas convocatorias para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior nos últimos cinco anos.

Segundo a orde publicada, enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio. A Xunta financiará ata o 95% do orzamento total de cada iniciativa ata un máximo de 30.000 euros. O período de execución é dun ano, desde o pasado xaneiro ata o 31 de decembro de 2024.

Entre os gastos subvencionables figuran tanto os directos imprescindibles para poñer en marcha e a execución da intervención tales como os custos de aluguer, construción ou reforma de inmobles e infraestruturas necesarios para levar a cabo a iniciativa; equipos informáticos e outro material e equipamento vinculado á actividade; gastos de persoal; servizos técnicos e profesionais; viaxes e aloxamentos; ademais de gastos financeiros, de asesoría xurídica e rexistrais e periciais. Tamén se inclúen os gastos correntes de funcionamento no país onde se execute o microproxecto.

As ONGD inscritas na sección A, e os axentes de cooperación inscritos na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperacióne interesados poderán presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta ( https://sede.xunta.gal)  no  prazo dun mes contado dende mañá.

O prazo de presentación das propostas remata o 24 de xuño do 2024