Novas de Cooperación Galega
30/12/2015
Xeral

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:

• proxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD)
• proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento (universidades, empresas, sindicatos, fundacións, comunidades galegas, etc)

A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior ven publicándose dende o ano 1995. A convocatoria ten carácter bianual (2016-2017), e será financiada cun importe total de 2.382.510 euros, conforme a seguinte distribución:

• Proxectos no exterior de ONGD: 2.007.510 € (757.510 € no ano 2016 e 1.250.000€ no 2017).
• Proxectos no exterior doutros axentes: 375.000 € (150.000 € no ano 2016 e 225.000 € no 2017).

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións son os proxectos no exterior executados polas ONGD; proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación, coma universidades, empresas, sindicatos, fundacións e comunidades galegas, entre outras; e as agrupacións de calquera das entidades anteriores.

Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro do 2016, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2016. As entidades solicitantes deben ter aberta a súa sede en Galicia e poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e un aos outros axentes. Coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos, o importe máximo da subvención concedida a cada ONGD non poderá ser superior ao 10% do total da dotación da convocatoria para este tipo de axente.

Esta convocatoria enmárcase no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, aprobado polo Parlamento de Galicia. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego segue a manter o seu compromiso de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano sostible. Deste xeito, apóstase por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega. Galicia vai cooperar en sectores nos que pode ofrecer experiencia e coñecementos específicos, coma é o caso da pesca.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 30 de xaneiro de 2016.