Novas de Cooperación Galega
30/05/2017
Convocatorias

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior

No DOG do 30 de maio publicouse a Orde do 15 de maio de 2017, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de competencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2017.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regulará a concesión de subvencións da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2017.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais-, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A convocatoria ten carácter anual, e será financiada cun importe total de 300.000 euros, mantendo o mesmo orzamento inicial das mesmas convocatorias en anos anteriores, sen prexuízo de que posteriormente se poida ver incrementada esta dotación con novas achegas. Eso si, como novidade neste ano 2017 a convocatoria non será aberta e permanente se non que adquire o carácter de concorrencia competitiva para conseguir maior calidade nas intervencións financiadas.

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións son os proxectos no exterior executados polas ONGD que posúan entre os seus fins, ou conten con experiencia no desempeño de actuacións de acción humanitaria. Os proxectos Terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2017 e podendo estar iniciado dende o 1 de xaneiro do mesmo ano.

A convocatoria enmárcanse no cumprimento do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, aprobado polo Parlamento de Galicia o 18 de marzo, que prevé como liña de acción, a realización dunha acción humanitaria integral e de calidade. O III Plan Director identifica tamén a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como unha prioridade sectorial dentro da cooperación para o que propón o destino de entre o 8- 10% do orzamento xestionado nos catro anos de vixencia, co que a acción humanitaria pasa a ser o cuarto sector en importancia.

Igualmente, o Plan Anual 2017 da Cooperación Galega, aprobado polo Consello da Xunta prevé a publicación dunha convocatoria, que fixe criterios claros de concesión de axuda, tendo como obxectivo estratéxico de longo alcance o de “contribuír á mellora das condicións de vida das poboacións afectadas por crises humanitarias, desastres e conflitos, garantido a preparación previa, a prevención, e os traballos de rehabilitación e reconstrución e xeración de resiliencia, mediante a mellora da calidade da axuda”.

Cada entidade pode presentar un proxecto individual.

O prazo de presentación dos proxectos remata o vindeiro 30 de xuño de 2017.