Novas de Cooperación Galega
16/04/2018
Convocatorias

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior

No DOG do 16 de abril publicouse a Orde do 28 de marzo 2018, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de competencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2018.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regulará a concesión de subvencións da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2018.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais-, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A convocatoria ten carácter anual, e será financiada cun importe total de 300.000 euros, mantendo o mesmo orzamento das convocatorias en anos anteriores. Neste 2018 e tal e como sucedera no 2017, a convocatoria adquire o carácter de concorrencia competitiva, abandonando a modalidade aberta e permanente, de cara a garantir maior calidade nas intervencións financiadas.

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións serán aqueles executados no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins, ou conten con experiencia no desempeño de actuacións de acción humanitaria. Os proxectos Terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2018 e podendo estar iniciados dende o 1 de xaneiro do mesmo ano.

A convocatoria enmárcanse no cumprimento do Plan Director da Cooperación Galega, onde se identifica a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como unha prioridade sectorial dentro da cooperación. Igualmente, o Plan Anual 2018 da Cooperación Galega, recolle a convocatoria destas axudas.

Cada entidade pode presentar un proxecto individual.

O prazo de presentación dos proxectos remata o vindeiro 16 de maio de 2018.