Novas de Cooperación Galega
09/01/2018
Convocatorias

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

No DOG do 9 de xaneiro de 2018  publicouse a Orde do 18 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e procédese á súa convocatoria.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:

  • Proxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD)
  • Proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento (universidades, empresas, sindicatos, fundacións, comunidades galegas, etc)

A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior ven publicándose dende o ano 1995. A convocatoria ten carácter bianual (2018-2019), e será financiada cun importe total de 3.262.500 euros, o que representa un incremento de máis dun 8% respecto á dotación da convocatoria do ano 2017, conforme a seguinte distribución:

  • Proxectos no exterior de ONGD: 2.762.500 € (1.105.000 € no ano 2018 e 1.657.500 € no 2019).
  • Proxectos no exterior doutros axentes: 500.000 € (200.000 € no ano 2018 e 300.000 € no 2019).

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións son os proxectos no exterior executados polas ONGD; proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación, coma universidades, empresas, sindicatos, fundacións e comunidades galegas, entre outras; e as agrupacións de calquera das entidades anteriores.

Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro do 2018, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2018. As entidades solicitantes deben ter aberta a súa sede en Galicia e poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e un aos outros axentes.

O goberno galego segue a manter o seu compromiso de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano sostible. Deste xeito, apóstase por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega. Galicia vai cooperar en sectores nos que pode ofrecer experiencia e coñecementos específicos, coma é o caso da pesca.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 9 de febreiro de 2018.