Publicado o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento
Este decreto vén motivado pola aprobación de novas leis transversais como a Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local, a Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, e a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que recollen preceptos en relación á cooperación das entidades locais, aos órganos de coordinación e asesoramento da cooperación galega e aos empregados públicos, respectivamente, o que facía necesario desenvolver a dita normativa.
O novo decreto regula, entre outros aspectos, a composición e funcionamento do Consello Galego de Cooperación (Congacode), o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación e as especialidades das axudas e subvencións de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria.
Do mesmo xeito, aproveitase este novo decreto para actualizar e consolidar nunha soa disposición a normativa aplicable na materia, contribuíndo a garantir a seguridade xurídica así como a facilitar a xestión dos procedementos.