Representantes da Xunta de Galicia desprazáronse a Guinea Bissau e Senegal para coñecer de primeira man os proxectos de cooperación financiados
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, desprazáronse a Guinea Bissau e Senegal para coñecer de primeira man os proxectos de cooperación nos que está a colaborar o Goberno galego.
Entre as xornadas do sábado, o domingo e o luns visitarán distintos proxectos como centros de prevención e tratamento do VIH, escolas rurais, ou proxectos de hortas comunitarias. Todas estas accións foron financiadas pola Cooperación Galega e realizadas en colaboración coas organizacións Asemblea de Cooperación pola Paz ( ACPP) e a Asociación Axuda, Intercambio e Desenvolvemento (AIDA), xunto cos seus socios locais.
Guinea-Bissau é un dos países máis pobres do mundo e ten unha das prevalencias de VIH máis altas de toda África Occidental. Ademais, tamén sofre unha importante problemática debido á existencia dentro das súas fronteiras de redes internacionais criminais relacionadas co tráfico de drogas e a trata de persoas.
Guinea-Bissau está considerado como país prioritario no vixente IV Plan Director da Cooperación Galega (2018-2021).