Novas de Cooperación Galega
13/11/2015
Xeral

Representantes da Xunta de Galicia visitan en O Salvador proxectos de cooperación que apostan pola pesca artesanal, o turismo sostible e a comunicación comunitaria

No Salvador, o director xeral visitou os proxectos que as ONGD galegas Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) teñen na zona do Bajo Lempa, ao sur do país, onde leva traballando a favor do desenvolvemento con financiamento da Xunta desde 2007, co redor de 1,4 millóns de euros investidos no últimos oito anos.
Na actualidade ACPP e Agareso executa en Honduras un proxecto con financiamento galego, que buscan que as cooperativas de pescadores e mariscadoras poidan mellorar as súas prácticas artesanais e sexan conscientes da importancia de preservar os seus recursos naturais. Ao redor deste proxecto centrado na pesca tamén se entroncan outras actividades que pretenden potenciar as cooperativas de turismo rural, as artesanías e os medios de comunicación comunitarios. Todas as accións baixo un mesmo paraugas, que a poboación estea organizada, empoderada, formada e sensibilizada para poder ser protagonista do seu propio desenvolvemento.
Entre ambas organizacións, xunto coa súa socia local CORDES, xestionan 225.000 euros, entre o 2015 e o 2016, resultado da última convocatoria realizada por Cooperación Galega para ONGD en concorrencia competitiva.
A xornada do xoves comezou cunha reunión entre Gamallo e Romero co equipo técnico de ACPP e CORDES para coñecer os pormenores do proxecto . O delegado de ACPP en Galicia, Alejandro Quiñoá, xunto con Ignacio Baeza, responsable da oficina de El Salvador, explicaron como o proxecto foi evolucionando desde o apoio ás cooperativas de pescadores, ata a creación e fortalecemento de iniciativas turísticas e artesanais, sempre tendo en conta as demandas da propia poboación do Bajo Lempa.
O director xeral reuniuse posteriormente con representantes das 25 cooperativas de pescadores que integran o proxecto no salón de actos de Federación de Cooperativas de Pescadores Artesanales (FECOOPAZ) no municipio de San Luis la Herradura, equipado tamén pola Xunta. Nesta reunión os pescadores e pescadoras comentáronlle os avances que supuxo para eles as formacións en técnicas de pesca, en conservación do produto e en comercialización que recibiron nos últimos anos, ao mesmo tempo que agradeceron o esforzo dos contribuíntes de Galicia por equipalos con mellores barcas e redes para poder seguir saíndo ao mar. Ao mesmo tempo destacouse a importancia do enfoque de xénero e da presenza de cada vez máis mulleres en postos relevantes.
Neste encontro tamén houbo tempo para que José Martínez, vicepresidente de FECOOPAZ, explicase aos seus compañeiros e aos representantes da Xunta o valioso aprendizaxe que supuxo para el e os seus dous acompañantes poder coñecer Galicia e as múltiples posibilidades de seu sector pesqueiro gracias ao intercambio no que participaron no mes de outubro a través do proxecto.
Tras o encontro, Jesús Gamallo xunto a Pilar Romero desprazáronse en lancha polo Río Lempa ata a Illa Tasajera, un enclave protexido, onde poideron comprobar a gran organización comunitaria que existe en torno á promoción do turismo e a protección das tartarugas mariñas, en perigo de extinción. O director xeral e a subdirectora pasearon pola illa e viaxaron en carreta, como o resto dos turistas que chegan a coñecer a zona, para poder visitar o tortugario onde os ovos son protexidos ata que as crías están listas para saír ao mar. Os representantes da Xunta de Galicia colaboraron na liberación de 210 exemplares que tiñan menos de 24 horas de nados. O tortugario, financiado a través do proxecto, non é só un instrumento para protección da fauna senón tamén un importante reclamo turístico.
Tras a liberación, asistiron a unha reunión cos comités turísticos e artesáns onde lles explicaron os beneficios da organización comunitaria en torno ao turismo, a defensa do seu territorio e a produción de artesanías creadas con grans e conchas propias da illa. Todas estas iniciativas lideradas por mulleres.
Gamallo expresou a súa satisfacción polos avances alcanzados nas comunidades a través do proxecto, pola evolución do mesmo cara iniciativas máis alá da pesca artesanal, pola implicación das mulleres emprendedoras e pola seriedade e cariño que percibiu no traballo realizado tanto polas ONGD galegas ACPP e Agareso, como polos seus socios locais.
Tras a charla, o director xeral e a subdirectora de cooperación compartiron unha comida cas persoas responsables do proxecto e coas autoridades locais que apoian a iniciativa nun restaurante flotante, propiedade da comunidade, sito en medio do Río Lempa e que vai ser parcialmente equipado gracias ao financiamento da Xunta.
Durante toda a visita unha reporteira e un reporteiro de Radio Tehuacán estiveron facendo a cobertura informativa para poder emitir varios reportaxes na emisora comunitaria que apoia o proxecto.
Os representantes da Cooperación Galega rematan así a súa xira, que a principios de semana levounos ata Honduras para coñecer os proxectos de saneamento de auga e soberanía alimentaria que coordina Enxeñerías sen Fronteiras neste país. A viaxe tiña como obxectivos principais, supervisar os proxectos, reunirse coas organizacións que os lideran e coas autoridades locais que os apoian, e por suposto escoitar as apreciacións das persoas beneficiarias dos mesmos
Reunións institucionais
Nesta visita tampouco podían faltar as reunións institucionais, polo que Gamallo e Romero estiveron o mércores pola tarde reunidos co embaixador español no país, Francisco Rábena e o Coordinador da cooperación española, Ignacio Nicolau. Na noite compartiron unha cea con representantes do sector económico e pesqueiro do país na propia residencia do embaixador.